luns, 23 de xuño de 2014

    

   O traballo deste ano, baseado na corrente pedagóxica do traballo por proxectos, fai que sexa moi complexo limitar os contidos ao que marcan as editoriais ou a administración educativa a través destas, pois cando se parte realmente dos intereses dos nenos e nenas, cando se abren os ollos e oídos para retomar o que expresan, o que senten e lles interesa, aparecen outros moitos contidos diferentes a estes, incluso estes, ás veces nin sequera aparecen, e os nenos e nenas prefiren falar, saber e construír sobre o fútbol, os avións, os Castrexos...

   Pode ser que os contidos propostos polo ministerio deban ser traballados, pero moitos destes contidos non precisan ser repetidos durante anos e anos como vén acontecendo, senón que poden ser traballados puntualmente en diferentes momentos da clase, e así dar paso e tempo a investigar sobre o que realmente interesa aos nosos alumnos e alumnas.

   Os Traballos deste ano baséanse nunha concepción global da educación que rompe cun currículo pechado e que se interroga a cerca de como se aprende, baséase tamén na idea de que as e os estudantes aprendan a xerar o seu propio coñecemento dun xeito autónomo a través da busca de información, o apoio mutuo e a motivación, e coa filosofía de que o coñecemento non se adquire para un mesmo, senón para enriquecer a un todo do que cada alumna e alumno forma parte. Persegue o obxectivo de que as e os estudantes programen, poñan en práctica e avalíen proxectos que teñen aplicacións reais máis alá da clase.

   Os traballos deste ano pretenderon ser interdisciplinares, centrados na e no alumno e con obxectivos a longo prazo, así, comezamos a principio de curso analizando os contidos conceptuais de diferentes libros de texto, elaborando unha lista cos 15 bloques temáticos que observamos tiñan en común.Desta lista comezamos a nosa análise do seguinte xeito:

   En asemblea discutimos que é o que xa sabiamos de cada un deses temas. Posteriormente repartímonos en pequenos grupos de cinco persoas cada un, para decidir sobre cal dos temas nos interesaba investigar.
Unha vez decidido o tema (que cada pequeno grupo elixiu o seu: Animais mariños, animais de río, o ciclo da auga, os Planetas, alimentos típicos de algúns países, auga potable e non potable, os continentes, o espazo, estados da auga, océanos do planeta…) comezou a chegar información á aula. Esta información era traballada polos grupos (lendo, discriminando a información importante da non tan importante, escribindo aquelas ideas que nos interesaba contarlle ás e aos demais e, pouco a pouco, ir elaborando uns pequenos "libros" ) expoñéndoa nas paredes para que todo o mundo tivese acceso a ela e puidese manipulala, observala e desfrutala. Ao rematar o proceso de elaboración dos traballos, comezou a parte de exposición na que cada grupo ía contando aqueles aspectos que consideraban máis relevantes. Posteriormente, en gran grupo, aclarábanse as dúbidas e lembrábase o aprendido.

   En paralelo a estes traballos, planificamos unha saída ao aeroporto no que os nenos e nenas de terceiro e cuarto de primaria compartirían a experiencia de moverse en gran grupo . A escusa, recibir aos xogadores dun equipo de fútbol que chegaban para disputar un partido contra o Real club Celta de Vigo. Esta escusa pretendía crear algo de expectación sobre o que pretendíamos a facer en realidade, que non era outra cousa que mover aos nenos e nenas para sacalos da rutina diaria e mellorar a comunicación e interacción entre eles.

Fotos da saída ao aeroporto

   O seguinte traballo xurdiu mentres comentabamos en gran grupo as diferentes formas que teñen os seres humanos de comunicarse. Pareceulles aos tres grupos moi atractiva a idea de poder comunicar mediante o corpo ( sentimentos, desexos, emocións...)
Comezou pois a chegar á aula información e unha vez analizada e traballada, alguén propuxo a idea de crear unha obra de teatro, para traballar a comunicación dun xeito que non era o habitual.
Así mesmo, os nenos e nenas de cuarto de primaria remataran este mesmo tema, e pedímoslles que nos fixesen unha exposición. Trala mesma, comezou o noso traballo, e o seguinte obxectivo foi elixir entre todos e todas o contido sobre o que facer a obra de teatro.
A posta en común e as propostas para a representación teatral duraron varias sesións, mais ao final decidimos traballar sobre os Castrexos, tema que viña dunha das anteriores investigacións (“Libros”) que trataba sobre os tempos pasados.

   De entre as diferentes formas de facer representacións teatrais, foi collendo forza a idea de representar mediante xestos, axudados de voces gravadas.
Así, comezou o proceso de elaboración da obra teatral “Os Castrexos”
O primeiro traballo foi preparar o guión cos diálogos, e a continuación comezamos co proceso de gravación, para o cal lle pedimos axuda ao mestre de música e á mestra de Coñecemento e Galego de Cuarto de primaria.
Unha vez “enlatada” a historia coas voces en “off” comezamos o reparto de personaxes e os ensaios da obra.
   O resultado deste traballo foi espectacular.

Representación sobre os Castrexos        

fotos dos actores e actrices despois da representación

   Coa boa experiencia do traballo sobre os “Castrexos”, pareceunos que podiamos seguir investigando sobre o mundo da comunicación. Así xurdiu unha nova proposta de traballo:
Xa que coa representación dos “Castrexos” empregamos o corpo para comunicar, agora buscaríamos un traballo no que a comunicación fose mediante as nosas voces (en gran grupo comentouse que a experiencia de “gravar” as voces para a obra de teatro gustara moito) así que o novo traballo xiraría en torno á gravación das voces dos nenos e nenas de clase.
Comeza así un proceso no que se foron tomando decisións, tanto en pequeno como en gran grupo, ata que cada unha das aulas definiu o seu proxecto de dobraxe. A proposta foi dobrar ao galego algún capítulo da serie de debuxos animados “Érase una vez el cuerpo Humano”.
Un grupo decidiu dobrar o capítulo que contaba aspectos sobre a vista, outro sobre as vacinas e outro sobre o cerebro.
Foi un proceso no que os nenos e nenas traballaron de forma transversal multitude de contidos.

Resultado dos traballos de dobraxe

   Chegamos así á seguinte proposta de traballo que consistiu nunha colaboración entre as áreas de lingua nas que traballan os nenos e nenas de terceiro. Na asignatura de inglés estaban a traballar as celebracións do día de San Patricio, así que as nenas e nenos propuxeron completar esa investigación coa elaboración dun conto relacionado con algunha das temáticas que trata esta festividade Irlandesa. Así, tras varias sesións de debates e eleccións do tema, decidiron adaptar un conto sobre o Arco da Vella, e como o traballo tiña que relacionar as linguas que coñecen, pedíndolle axuda a mestra de lingua castelá, adaptaron unha historia e dobrárona en galego e Castelán.

Conto sobre o Arco da Vella

   A experiencia do arco da vella deu pé a continuar polo camiño do traballo coas voces e coas novas tecnoloxías. Nacería así o interese polo mundo da radio e esa foi a seguinte proposta de traballo. En gran grupo falamos sobre que era e para que servía unha radio, pero as respostas non pareceron deixar satisfeita a curiosidade sobre o tema, polo que, se propón o seguinte obxectivo: converter a aula de Oscar nunha radio- como se pode facer? Iso é o que a partir de entón cada grupo se encargou de elaborar, discutindo, organizando e distribuíndo a información que foi chegando á aula.
Unha vez traballada toda esa información, comezou o proceso de organización e creación da radio en si. Así que se planificaron os contidos, que lle deu forma ás seccións que conformarían os programas e se distribuíron as seccións nos distintos programas, que serían un total de cinco.
A partires de entón comezou a elaboración dos guións para as entrevistas,a elaboracións das listas de grupos e artistas para os programas de música… e pouco a pouco se foron confeccionando cada un dos cinco programas.
Cando estiveron organizados sobre o papel, comezou o proceso de gravación, tanto de entrevistas como do resto dos espazos nos que estaban deseñados os diferentes programas.
E, tras unhas semanas de intenso traballo, ao final, o resultado foi case que profesional, unha experiencia incrible.

Programas de radio

   A seguinte proposta de traballo naceu da idea baseada no saber, sentir, crer, facer... dos e das demais, e en que as interaccións entre as e os educandos son unha moi boa ferramenta de aprendizaxe.
Con ese espírito fóiselle dando forma á idea de creación duns cartaces que expresasen sentimentos cara o noso idioma, nunhas datas nas que se visibiliza un pouco máis na nosa sociedade unha lingua que todas e todos queremos.
A proposta foi moi ben acollida por todo o colectivo de primaria da escola e a continuación amosámosvos o resultado:

Enlace para o traballo das letras galegas

   Os nenos e nenas de terceiro de primaria concretamente, tamén para o día das letras galegas e seguindo coa filosofía de traballos, experimentacións e investigacións deste ano, propuxeron empregar os cartaces feitos por todos e todas as de primaria para crear un “lipdub ou lip dub” ("dobraxe de beizos") - un vídeo musical feito polos nenos e nenas no que sincronizan os seus beizos, xestos e movementos con unha fonte musical-.

gústame o galego

Un dos traballos finais foi a “durmida no colexio”.
O venres 30 e o sábado 31 de maio, como complemento ao traballo de clase de Coñecemento do Medio, co obxectivo de achegar aos nenos e nenas á natureza e propiciar ambientes para seguir traballando a interacción, desenvolvemos varios obradoiros relacionados coa horta da escola e con actividades de balón man, ao igual que o que resultou ser a actividade estrela da fin de semana, o parque acuático improvisado que fixemos para combater a calor.



E para rematar este ano os traballos, decidimos coller un pouco de todo o aprendido e baixo a investigación do mundo da pirataría, elaboramos un museo e dúas obras de teatro sobre este mundo tan atractivo para elas e elas.

As historias foron as seguintes: 


Guións das obras de teatro